Thursday 16 de May de 2024

O Concello da Pobra posibilita conciliar no 7 de decembro


Na súa firme aposta por favorece-la conciliación, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal ofrece un obradoiro de conciliación para o día 7 de decembro, por se tratar dunha xornada non lectiva entre dous días festivos.

 

Trátase dun servizo para crianzas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, que se desenvolverá, como xa é habitual, no CEP Salustiano Rey Eiras, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 3 euros por nena/neno, cun desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e de balde para a/o terceira/o.

 

Esta prestación poderase ver complementada cos servizos de Madruga e de Comedor, dos cales cómpre consulta-las condicións.

 

A concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, explica que se continúa así na liña de contribuír a compatibiliza-la vida persoal e laboral das familias. Deste xeito, aos obradoiros de conciliación en días non lectivos e en períodos de vacacións hailles que suma-lo servizo de Madruga para as mañás e o Espazo de Coidados Corresponsables para as tardes de luns a venres do actual curso escolar.

 

As prazas para o obradoiro de conciliación son limitadas, polo cal se require a inscrición previa no Departamento da Igualdade, situado fronte á casa consistorial. O prazo para se anotar abrangue do día 27 de novembro ao 4 de decembro, ámbalas datas inclusive.

 

Máis información no teléfono de contacto 981832784, marcando a opción 6, ou no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal.